As cartas arraianas chegaron!
O alumnado da ESO (de 1º, 2º e 3º) recibiu a pasada semana as cartas que lles enviaron as alumnas e alumnos da turma do 7º ano das Escolas de Melgaço (Portugal).
O proxecto de intercambio epistolar Cartas Arraianas partiu do Equipo de Dinamización da Lingua, co obxectivo de explorarmos a Lusofonía e coñecer como vive a rapazada do outro lado da Raia Seca. No profesorado do Agrupamento de Escolas de Melgaço (AEM), encontramos deseguida apoio, e coa colaboración da profesora de Espanhol do centro portugués, Paula Cristina Domingues, fixemos o intercambio de cartas co alumnado de 7º (equivalente a 1º da ESO). Aproveitamos estas liñas para lle agradecer á profesora Paula Cristina Domingues a súa implicación no proxecto.
A rapazada do noso centro enviou cartas en galego, presentándose, contando as súas afeccións e mesmo intercambiando usuarios de Redes Sociais para seguir o contacto en liña; a rapazada de Melgaço respondeu, en portugués, achegando tamén algunhas preguntas sobre gustos, afeccións, videoxogos, fútbol, baloncesto, música...
O curso próximo desexamos continuar con este proxecto de colaboración co AEM, pois a rapazada participou con ilusión na elaboración das cartas e mesmo no envío, no seu primeiro manexo de sobres e selos.
Até o curso próximo! Obrigadas!
Comentarios
Publicar un comentario